fiestras
Galego Español English

INVESTIGACIÓN /
Antecedentes


A auga do mar cos seus máis de 912.800.000 km3, é máis do 70% do total da auga do planeta, e un recurso global fundamental pola súa cantidade, e pola súa composición: Medio interno isotónico de todos os animais, incluído o home. O 70% dun ser humano é auga de mar, e foi empregada dende a antigüidade como medio terapéutico, ata os nosos días. A suma da auga e o medio mariño, dan como resultado un entorno excepcional para o desenvolvemento da Talasoterapia.

Definimos Talasoterapia como a utilización terapéutica da auga de mar e o medio mariño, e por extensión o sector Turístico o conxunto de servizos asociados. A referencia normativa, é a asociación francesa Mer et Santé que nos fala do emprego baixo vixiancia médica da auga e dos productos do mar, a unha temperatura entorno aos 38º, nun entorno marítimo, e cos medios técnicos e persoais axeitados.

A auga de Mar e o medio mariño son especialmente importantes en Galicia, con máis de 1.700 kms de costa, e un complexo e rico territorio intermareal, xenerador de valiosos recursos naturais. Cunha paisaxe mariña maioritariamente ben conservada, con contornos pouco industrializados, e importantes mostras patrimoniais na franxa costeira, o "atraso" pódese convertir hoxe nunha fortaleza.

O sector turístico, que no último ano 2006 chegou aos 840 millóns de chegadas, confírmase como a primeira industria mundial, con protagonismo europeo. Dentro del, o Turismo Termal ou Turismo de Saúde está chamado a ser un dos productos con maior capacidade de desenvolvemento, con crecementos anuais do 20% en USA, e do 15% na UE.



Galicia dispón dos recursos naturais necesarios, dos entornos axeitados, e dos recursos humáns e técnicos para converterse nun pais de referencia na Talasoterapia en Europa, dando un salto cualitativo no rendemento económico da actividade turística, e singularizando a súa oferta nun mercado cada día mais competitivo.

A talasoterapia convertiuse nos últimos anos no espolón de desenvolvemento e cualificación do novo Turismo de Saúde, desestacionalizando e desconcentrando a oferta, creando novos destinos nas costas "frías", e recualificando destinos de praia esmorecentes, ou en decadencia.

En Francia nos anos 80 a Talaso Atlántica deulle a volta ao termalismo francés, incorporando novos productos e servizos, orientados ao benestar, a novos públicos (mamá-bebé), e novas necesidades (anti-stress, no smoke). En Italia e Portugal está incorporada ao Turismo de Saúde, no primeiro caso nos programas financiados pola sanidade estatal e os seguros médicos, e en Portugal como membro da asociación profesional. A Asociación Europea de Balnearios (ESPA) ten a varios Centros de Talasoterapia como membros, e no recente congreso de San Pedro do Sul 06, decidiuse impulsar unha comisión específica para o estudo e desenvolvemento da Talaso. A lexislación turística galega recoñécea asimilada cos productos balnearios, a espera dunha norma Galega.



Neste intre de pulo e desenvolvemento do sector turístico, e especialmente do termal, cos recursos sobranceiros cos que conta Galicia, e coa presión abafante que se escomenza a dar sobor da franxa costeira, pensamos que é chegado o momento dunha análise rigurosa dos recursos litorais, das posibilidades do seu desenvolvemento sostíbel, e dunha nova visión.

Por elo propoñemos un Estudo Integral da Costa Galega, para o análise da implantación da Talasoterapia, de forma planificada, partindo dun recoñecemento territorial exhaustivo, do análise do sector turístico, da situación normativa, e todo elo sobre a base dun sistema de información xeográfico que nos permita definir ámbitos de idoneidade para a implantación de centros de Talasoterapia nas súas diversas modalidades, e a Creación dun Modelo Territorial Galego, para asentamento da Talasoterapia. A elo engadiríamos recomendacións normativas, e de cualificación dos Centros de Talasoterapia, así como as propostas necesarias para a integración no futuro Clúster da Auga, e no Instituto Termal e Galicia.

O proxecto afecta a varias áreas das propostas pola Consellería de Innovacion: Recursos Naturais ( auga mariña), Tecnoloxías para a Innovación ( Ciencias da saúde, e Conservacion do Patrimonio), e Servizos os cidadáns, (Turismo), que é no marco no que presentamos o Proxecto.